Thursday 02 de May de 2024

Catro estudantes de centros da provincia da Coruña, premios extraordinarios de ensinanzas artísticas


O obxectivo destes galardóns é recoñecer o mérito académico e artístico do alumnado que acadou un excelente resultado nos seus estudos

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución da concesión dos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes plásticas e Deseño. Con eles recoñécense
e valóranse publicamente os méritos académicos e artísticos excepcionais baseados no esforzo e no traballo de alumnas e alumnos que remataron os seus estudos no curso 2017/18 cun excelente resultado académico.

Na modalidade de Artes plásticas e Deseño outorgáronse dous premios, un a Xulia Pisón Egea, que cursou os seus estudos na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso (A Coruña), e outro a Lidia Alonso Sánchez da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (Santiago). Pola súa parte, a única premiada na modalidade de danza fíxoo no Conservatorio de Danza da cidade herculina. Ademais, na modalidade de Música foi premiada Mencía Resch Pérez, que cursou estas ensinanzas no Conservatorio de Música Profesional da Coruña.

A maiores da dotación económica, de 850 euros por premio, os galardoados recibirán un diploma acreditativo e anotarase esta distinción tanto nos seus expedientes como nas certificacións académicas que se lles emitan.

Para optar a estes premios as persoas aspirantes debían contar cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais, nas modalidades de Música e Danza, ou no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado.

Na modalidade de Música deberon, ademais, realizar unha interpretación como solista e presentar tres copias dunha gravación de vídeo na cal interpretasen tres pezas de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música. No caso dos estudantes de Danza, tiveron que presentar tres copias dunha gravación de vídeo na que interpretase dúas obras da especialidade, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais de Danza. Pola súa banda as persoas aspirantes na modalidade de Artes Plásticas e Deseño tiveron que presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorrían.